xoves, 22 de maio de 2014

Vota a ninguén!

Mentres a clase obreira sofre os problemas do capitalismo, mentres as mulleres e as persoas LGTBI sofren a opresión heteropatriarcal, mentres migrantes son reprimidas por nacer noutro lugar, as forzas electorais non teñen outra cousa que facer que chamarnos a acudir ás urnas para ter representación nun parlamento inútil e burgués.

Dende este, é imposible resolver nada, xa que mentres exista unha minoría privilexiada como é a burguesía, esas eleccións son ilusorias e antidemocráticas. A representación actual é unha ficción, xa que para a clase obreira é imposible controlar ás persoas que din que lle representan, e unha vez que adquiren o seu escano, van deixando de lado os seus ideais en contra das oprimidas para favorecer aos grupos dominantes, é dicir, acaban por corromperse. É por iso, que nun sistema onde a explotación e a desigualdade están á orde do día, as forzas que din representar ao pobo están corrompidas e ao servizo dunha minoría privilexiada.

A institución da actual UE, non é máis que unha reproducción do Estado, e como tal, é sinónimo de dominación, corrupción, represión e opresión. As políticas que esta favorece e as invasións imperialistas que fomenta, son boas probas disto. Do mesmo xeito que o Estado, a actual UE só pode estar ao servizo da clase capitalista.

É por iso, que dende o CEL Coruña chamamos á abstención, co fin de cuestionarnos o actual sistema imperante. Somos conscientes de que todo cambio só pode vir da organización e da loita, e como tal, cremos que estas son o único camiño para avanzar cara unha Europa e un mundo libres e igualitarios, nos que desapareza toda forma de dominación (Estado, capitalismo e heteropatriarcado) e que garantan a libre autoderminación dos pobos. Un mundo que só pode organizarse mediante o socialismo libertario, que implica unha organización baseada na democracia directa, asemblearia e federal. Unha forma de xestión que garante a participación de todos os individuos.

Contra toda forma de dominación!

Loitar, crear, poder popular!

venres, 9 de maio de 2014

Manifesto 1º de maio

O día 1º de maio protestouse diante do Hotel Meliá María Pita onde tiña lugar a presentación do partido VOX. Queremos aproveitar para denunciar a manipulación por parte do diario 'El Ideal Gallego' no artigo 'Militantes de la CNT protestan ante el Hotel Meliá donde Vox celebraba un acto electoral' onde criminalizan ao movemento libertario acusando á CNT de incidentes que non ocorreron. Pois é mentira que militantes da CNT participaran, que a protesta fose pola presencia de Ortega Lara e que se tratase de entrar no edificio para discutir con el. 


Velaquí o manifesto:

Entre os días 1,2, 3 e 4 de maio de 1886, case medio millón de obreiros estadounidenses comezan unha loita polos seus dereitos. Entre outras cousas, pola xornada laboral de 8 horas.
O día 2, á saída dos esquirois, a policía dispara a queimarroupa, asasinando polo menos a 6 persoas e ferindo a varias decenas.
O día 4, nun acto permitido polas autoridades de Chicago, a policía carga contra os obreiros. Unha bomba de orixe descoñecido mata a un policía, e fere a varios manifestantes e policías. Este acto será utilizado como excusa para abrir lume contra os manifestantes indiscriminadamente. Tras esta matanza, e cos donos das fábricas ao límite, o estado de Illinois emprende accións legais contra 31 figuras da loita obreira. Violándose numerosas normas penais e cunha feroz campaña da prensa burguesa son condenados a morte oito activistas: George Engel, Adolf Fischer, Albert Parsons, August Vincent Theodore Spies, Louis Lingg, Michael Schwab, Oscar Neebe e Samuel Fieldman. Os 5 primeiros morrerían na forca, demostrándose despois que Parson nin sequera estaba presente. Lingg morre no seu presidio, ao facer explotar un cartucho de dinamita cunha cabicha. A posteriori, algúns historiadores coinciden en que Linng foi executado de tal maneira que semellara un suicidio, transmitindo á xente a mensaxe de que as anarquistas só obedecen ás bombas, incriminando así aínda máis, tratando de relacionalo ca bomba de Haymarke. Samuel Fielden y Michael Schwab foron condenados a cadea perpetua, mentres que Oscar Neebe cumpriu 15 anos de traballos forzosos.

Outro exemplo de represión é a loita das compañeiras da Triangle Shirtway, en 1911. Estas encerráronse na fábrica para reclamar os seus dereitos. O patrón, non só non cedeu, senón que bloqueou as saídas do edificio. Un incendio fortuíto causou a morte de 146, por asfixia ou calcinación.

O partido VOX ten a cara de presentarse o 1º de maio, na Coruña. Unha nova burla ás obreiras por parte da burguesía. Este partido sae do máis rancio da dereita, demostrando novamente a servidume dos políticos ó capital: un curioso sentido da liberdade individual, unha defensa á ultranza da propiedade privada, así como un estado que defenda os intereses das empresas, non só as nacionais, coma cabería de esperar polo seu exacerbado patriotismo; senón, tamén das grandes multinacionais co seu europeísmo.
Para lograr os seus obxectivos, non dubidarán en aumentar o dogmatismo nas escolas, cunha única proposta que representa a reafirmación de todas as atrocidades cometidas contra o desenrolo infantil e xuvenil tanto físico como intelectual; así como aumentar a reificación da muller, reducíndoa a figurante e incubadora, baixo o pretexto de “defender a vida”.

Hoxe, 1º de maio chamamos a recordar, non só ós mártires de Chicago e ás traballadoras da Triangle Shirtway, senón a todas as vítimas do terrorismo capitalista, tanto asalariadas coma non.

AVANTE A AUTOXESTIÓN, O ANTIDOGMATISMO E O ANTIAUTORITARISMO!
CONTRA O CAPITAL: PODER POPULAR!

mércores, 7 de maio de 2014

Apoio á manifestación contra as obras da Mariña

Dende o CEL Coruña chamamos a acudir á manifestación convocada pola plataforma 'Non ás obras da Mariña' para este sábado día 10 de maio ás 19h na Mariña (sairá dende diante de Turismo).

A corrupción é algo inherente ao capitalismo, e por iso berramos: Pola paralización das obras da Mariña! Contra o capitalismo!